Unha lingua, unha fala.

Moitas veces, tivemos que escoitar: “ El gallego no és una lengua”, "El gallego no és una lengua científica", “ Con el gallego no vas a ningún lado”....

O galego é a miña lingua, a dos meus pais e a dos meus avós, a dos meus devanceiros, e polo tanto será a dos meus fillos. A lingua dos arrolos, a das verbas xeitosas cheas do agarimo dunha nai polos seus fillos.

Quero aplicar a miña ciencia á lingua, para pintar a face do noso maior ben colectivo, a nosa mellor herdanza, a mellor tarxeta de presentación dun pobo: a lingua galega.

luns, 21 de marzo de 2016

Cantigas populares, as nosas cantigas!





Bicos a moreas!

Manuel María. Letras Galegas 2016


21 de marzo. Día da Poesía

21 de marzo
(Día da poesía)

A VELLA  LINGUA 
Versos pra un país de minifundios.  
Manuel María  (Letras Galegas 2016)


Renunciade á vella lingua
que nos vén tan de lonxe,
tan de fondo, luída con amor
xeneración con xeneración,
soporte do noso esprito,
flor do noso sentimento,
fonte da que agroma
o cachón potente do pensar.

Renunciade á vella lingua,
a creación máis xenial
do noso pobo, a cunca
sacra que garda a fonda
e total plenitude do noso ser.
Renunciade á vella lingua,
a fala nai, e seredes
entón máis señoritos,
seredes máis “castizos”.

Renunciade á vella lingua
-aínda que non sei como
faredes pra borrar ese
escuro acento delator-
e quedaredes capados:
sen as palabras precisas
pra aquecer o corazón,
para expresar de verdade
o que vós sodes.

Renunciade á vella lingua
que dende séculos vén
mamando o noso pobo
e quedaredes envoltos,
sulagados
na tebra e na impotencia.
Quedaredes mudos,
sen a palabra

que aluma e que revela.


DEITADO FRENTE AO MAR.....
Celso Emilio Ferreiro 


Lingoa proletaria do meu pobo

eu fáloa porque si, porque me gosta, 

porque me peta e quero e dáme a gaña 

porque me sai de dentro, alá do fondo dunha tristura aceda 

que me abrangue ao ver tantos patufos desleigados, 

pequenos mequetrefes sen raíces

que ao pór a garabata xa non saben 

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos avós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos do lingoaxe, 

remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingoa. 

Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruís e poderosos, 

non falo pra os finchados,

non falo pra os baleiros, non falo pra os estúpidos,

que falo pra os que agoantan rexamente

mentiras e inxustizas de cotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de bolboretas,

de lume e vento sobre os ollos núos. 

Eu non podo arredar as miñas verbas 

de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña, 

berce da miña estirpe,

Galicia, doce mágoa das Españas, 


deitada rente ao mar, ise camiño...

8 de marzo, día da muller. Día de todas as mulleres.


Bicos a moreas!